martes, 31 de enero de 2017

Sesión Didáctica 26/01/2017, Ana Fontenla

Hoxe tivemos a segunda coa profesora Ana Fontenla na que traballamos con estratexias e técnicas de comprensión escrita. De novo, non nos decepcionou!

As catro horas de clase non estiveron para nada desaproveitadas e, nelas, puidemos traballar con máis xogos psicolóxicos, que seguro que volven locos aos adolescentes, o ‘test en 3 minutos’, para comprobar si os adolescentes len e fan o que se lles pide, textos sen signos de puntuación, cartas do taboo ou debates. As caixiñas misteriosas volveron estar presentes!!



Como reflexión ante esta clase, podo dicir que me sinto contenta e satisfeita de sentir que aprendo. Sinto repetirme no mesmo, pero a visión que nos aporta Ana, ao igual que Luz, é tan real e positiva que nos motiva a querer aprender máis, a ser creativa e a transmitir. Nótase perfectamente que lles gusta o que fan, e esa sensación é tan agradable e hai tanto tempo que non a sentía...

Eu, dende case sempre, sacando cando era unha nena que quería ser perruqueira, actriz, astronauta e médica, entre outras, sempre tiven claro que me gustaba ensinar. Penso que a miña vocación cara os idiomas comezou de pequena. Como dixen noutro post, nacín en Suiza, onde vivín ata os 7 anos. Alí crecín rodeada de linguas, xa que aprendíamos alemán na escola, falaba en galego en casa con meus pais, e tiña amigas de todas partes: portuguesas, italianas, rusas...Penso que aí empezou toda a miña inquietude por aprender idiomas. Cando me viñen para Galicia, a profesora que tivemos ese e o seguinte ano, foi marabillosa. Eu sentíame algo perdida nas clases, xa que non eran coma en Suiza, e tampouco tiña amigos aquí, cando o resto da clase ca todos se coñecían, pero ela, Conchi, foi tan boa connosco, que o último recordo que teño dela é toda a miña clase de primaria chorando porque non queríamos perdela. Recordo que dende aí, sempre dicía, eu quero ser unha profesora coma ela, coma Conchi.

Como ía contando antes de enrollarme tanto, penso que dende aí sentín que quería dedicarme a docencia, ata que cheguei o mestrado. Non é que perdese a ilusión, pero sí que é verdade que nos ‘cargaron’ con tantos tópicos e información que nos saturaron: Non podedes tocar aos alumnos, coidado co que se lles di, non ter reunións con eles a soas, ides ter problemas cos pais e cos compañeiros, ser docente implica preparar un montón de papeleo (unidades didácticas, guías docentes, informes...). Dende o meu punto de vista, vendéronnolo todo tan negativo que, no meu caso, desanimeime un pouco... ata que chegamos a didáctica! Que tratásemos este punto na clase doutro día, aínda que penso que volveremos falar disto o día de debate, fíxome sentir máis aliviada, e todo gracias a visión máis próxima a realidade que nos aportan tanto Ana coma Luz.


Para rematar, non sei si a miña reflexión de hoxe ten que ver coa clase, pero foi en todo o que pensei cando cheguei a casa. Volvín recordar esa ilusión dunha nena de 8 ou 9 anos que adoraba a unha profesora e que quería ser coma ela. Agora, con uns anos máis, teño novos modelos aos que me gustaría parecerme a hora de dar clase. Mentres chega ese momento, farei manualidades e seguirei traballando a miña imaxinación e creando materiais para o meu futuro alumnado, ao que espero transmitirlles paixón, entusisasmo e motivación por querer saber máis.

2 comentarios:

  1. No teu camiño como docente vaste atopar con uns cuantos "atrancos", non te deixes vencer polas cousas negativas que sí é certo que aparecerán, pero co que non estou dacordo é con que vos dean unha visión tan negativa antes aínda de empezar. non te deixes influenciar por esa visión de vaso medio vacío. Pensas que nos anos que levamos nesto Luz e máis eu non nos atopamos con moitísimos problemas? pero apesares de todo por baixo SEMPRE ten que estar o amor por esta profesión e si é así, non vencerá o desánimo.

    ResponderEliminar
  2. Moitísimas grazas por todos os consellos que tanto ti coma Luz nos destedes en clase e nos seguides dando a través do blog. Ahora que comecei as prácticas, estou vendo e vivindo todo o que ocorre no centro e sei que, a pesar dos conflictos, as cousas non son coma nos dixeron e, sinceramente, podo dicir que o que estou facendo me encanta! Gracias por todo

    ResponderEliminar