Mostrando entradas con la etiqueta MaríaLuzValencia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta MaríaLuzValencia. Mostrar todas las entradas

martes, 7 de febrero de 2017

Agradecementos

Quixen facer esta última entrada ao blog, unha entrada moi especial, para agradecer todo o que aprendín ao longo deste curso e a todas as persoas que coñecín.

Por unha parte, gracias aos profesores, aos que de verdade nos ensinaron algo útil para o noso inminente futuro laboral. A verdade é que houbo moitas clases interesantes ao longo do mestrado, onde aprendemos cousas de psicoloxía e como pensan os adolescentes, moita lexislación e como preparar todo o papeleo que nos espera, educación en valores, unha materia fundamental que temos que inculcar ao noso futuro alumnado, as distintas competencias do currículo e a situación das linguas estranxeiras a nivel rexional, nacional e internacional e, como non, didáctica, unha das materias que máis me fixo sentir segura en canto as prácticas que comezaremos a próxima semana e que nos axudou a entender e coñecer mellor distintas metodoloxías, competencias e actividades.

Por outra banda, gustaríame agradecer aos compañeiros do grupo polo bo ambiente que tiñamos en clase. Creo que foi un dos mellores grupos de compañeiros que tiven e, sinceramente, alégrome moito de habelos coñecido. É certo  que ao longo do grao coñecín a persoas extraordinarias e lévome amigas que son especiais, pero nunca sentín que tivésemos unión de clase, ao igual que no mestrado que fixen o curso pasado, onde a única unión que tiñamos era un grupo de WhatsApp, pero fora diso, en clase, non había contacto ningún...

Este ano, a verdade, é que me esperaba que acontecese o mesmo. As únicas persoas que coñecía, Patricia, do grao, e Itziar do mestrado do ano pasado, eran coas que pensaba que tería relación, pero dende a presentación do máster, onde empecei a coñecer a compañeiros, unha compañeira insistiu en que este ano había que ‘socializar’, e así foi! Coñecín a unhas persoas marabillosas e espero que sigamos tendo contacto por moitos anos máis!

Compañeiros e compañeiras, aínda que remate o máster, espero que sigamos mantendo o grupo de WhatsApp (que non haxa próximos abandonos) e poidamos quedar para tomar algo de vez en cando.

Polo pronto, da cea que fixemos a semana pasada, creamos unha historia que queríamos compartir con vos. A actividade consistía en que cada un de nos tiña que escribir unha frase continuando a historia, e que, ao ser posible, tivese coherencia. Creo que non hai mellor maneira para a despedida do blog, polo que vos deixo a historia cunhas fotos da cea. Ata sempre! 

Érase una vez un grupo de inocentes alumnos en busca
de convertirse en profesores de inglés
que se conocieron en el CUVI, Vigo
y creían que todo iba a ser diferente…
Pero todo cambiou cando chegaron a Deseño Curricular
Llevaba la parte del huevo, que no era la yema (la CLARA).
Todo parecía oscuro hasta que por fin vimos LUZ.
¿VIEITES (vistedes) como non era tan duro?
¡VARE-LA (vale la) pena hacer este máster
para coñecer a xente maja e marabillosa!
Pronto chegou ANAlxésico para calmar os nosos medos,
CARLOS (cando) pensabamos que estaba todo perdido
SONIAmos (solíamos) pensar que tendríamos un HERMESo futuro,
Pero la niebla a veces nos ciega la visión
y nos hace perdernos entre /softgüares/ y /tijers/.
Pero de todo isto saiu una unión moi grande,
sobre todo porque nos comprometemos a firmar un contrato e subilo a faitic.
Porque al final, we all wANNAchieve lo que nos interesa
Ser los mejores TEACHERS EVER!

P.D.: Dayna se dice como reina pero con ‘D’.




domingo, 5 de febrero de 2017

Sesión Didáctica 02/02/2017, Debate Final

Como ben di o título da entrada... hoxe tocou día de debate final! Un día moi interesante, onde resolvemos moitas dúbidas e tratamos temas moi interesantes, pero a mesma vez un día nostálxico e triste (son unha sentimental). Agora que coñecíamos aos compañeiros, que incluso fixemos amigos no mestrado, que as clases nos gustaban... temos que rematar!!

Resultado de imagen de fin de curso


Esta sesión de debate, na que participaron as dúas profesoras da materia de didáctica, Ana e Luz, foi algo distinta, xa que ademais de debater sobre cuestións moi importantes para nos e de plena actualidade, compartimos aula co outro grupo, polo que o intercambio de opinións foi maior.

A estrutura da clase, en cambio, foi similar as outras xa que comezamos facendo dúas actividades de warm-up, esta vez en inglés e francés. Na primeira actividade ‘Talking to a Martian’, Luz (que non sabíamos que dominase o francés) representaba a un marcián que non coñecía vocabulario nin obxectos, polo que a nosa compañeira, a partir dun fular, tiña que ir explicándolle o vocabulario que saía: fular, pescozo, corpo, físico, obxecto... A continuación tocoulle a Ana representar ao marcián. Neste caso a voluntaria foi Dayna, unha americana moi simpática a que non lle resultou nada fácil explicar algunhas das palabras polas que lle ían preguntando: bolígrafo, escribir, man, papel... A actividade está xenial, pero aínda que pareza fácil, non o é en absoluto!!

A segunda actividade, divertidísima, era de mímica. Nela, as profesoras tiñan que elixir ser ‘algo’ e que o resto da clase, neste caso os catro voluntarios que saíron, tiñan que representar algo relacionado coa palabra inicial. Por exemplo, Ana elixiu ser unha árbore e os demais compañeiros de clase foron as súas raíces, unha mazá, unha folla, un paxaro e o ovo do paxaro. Esta actividade é sinxela para practicar vocabulario e facelos moverse para despexar ou desconectar da clase anterior. Ademais, sempre podemos combinala con mandarlles facer unha historia por escrito sobre o que representaron.
Despois destas actividades, comezamos cos temas de debate.

O primeiro tema foron os deberes. Antes de debater, vimos un vídeo que xa coñecía no que distintos rapaces e rapazas amosaban a súa carga de traballo tanto diaria coma nas vacacións.

Resultado de imagen de deberesNa miña opinión, non concordo de todo co vídeo, aínda que os nenos que aparecían eran nenos pequenos, da primaria imaxino, e non sei que carga de traballo teñen eles, pero segundo a miña experiencia persoal, a min para as vacacións non me soían mandar moito traballo e ata cursos superiores, non recordo haber tido tantos deberes. Aínda así, imaxino que iso dependerá de cada profesor. Penso que os deberes se deberían adaptar segundo o nivel do alumnado e que se deberían mandar con control. No meu caso persoal, a miña profesora de E.S.O. mandábanos deberes da unidade e da seguinte antes de vela en clase “para que fósemos vendo o que íamos traballar”. Tamén penso que sería ideal acordalo co resto de profesores e chegar a acordos cos alumnos.


Imagen relacionadaO segundo tema de debate foron as TICs, un tema que tamén está de actualidade e co que vimos opinións moi dispares: Dende o uso das TIC para todo ata o completo rexeitamento delas. Segundo a miña opinión, penso que a tecnoloxía é unha axudante do profesor. Non podemos depender totalmente dela nin rexeitala e facer coma si non existise. A tecnoloxía é unha amiga que, usándoa ben, pode resultarnos moi útil. En cambio, se como explicaba unha compañeira, usamos o libro de texto da tablet para seguilo ao pe da letra coma un libro en papel, non estamos explotándoa en absoluto.

Resultado de imagen de libros en papel o electronicos

Tras volver do descanso, para asimilar toda a información recollida sobre estes temas moi controvertidos na actualidade, continuamos debatendo sobre os libros de texto, si son mellores en papel ou en tablet ou preguntando dúbidas e contando experiencias.




Un dos puntos que máis me preocupaban e me segue preocupando é o dos conflitos no centro. Tanto Luz coma Ana nos deron consellos para afrontar situacións complicadas que poidan xurdir na aula, e trucos para que non molesten en clase, pero como eu son unha persoa bastante cortada (que é todo o contrario que cortante) sinto que necesitarei moitos anos de práctica para poder ter a raia aos meus futuros alumnos. Temo o día que teña que vivir unha situación así no centro e que non sexa capaz de afrontala. Este tema é un dos que máis me preocupan!


Aínda así, con respecto á opinión que saíu en clase en canto a que non se debería castigar ou expulsar a un alumno por falta de respecto ao profesor por temor as represalias cando volva a aula, teño que dicir que estou totalmente en contra. Entón, permitímoslles que nos falten ao respecto, a nos e aos compañeiros, solo porque cando veñan despois duns días de reflexión na casa, poden tomar represalias contra nos? Si pensamos iso, estamos vivindo amedrentados por eles, e iso, baixo o meu punto de vista, é o último que se pode permitir.

Imagen relacionada

Na última parte da sesión, estivemos vendo calidades que todo profesor debería ter segundo as opinións de distintos alumnos e alumnas. Entre elas estaban: ser paciente, dedicado, entusiasta ou respectuoso.

Para concluír con este post, gustaríame acabar agradecéndovos, Luz e Ana, todo o traballo e dedicación que puxésedes en cada clase connosco. Dáme moitísima pena non habervos coñecido antes e non poder seguir aprendendo de vos.

Luz, gracias por convencer a Ana para que viñese impartir as clases ao mestrado e permitirnos descubrir que hai posibilidades para a ensinanza de linguas, que hai que cambiar o enfoque co que a maioría de profesores traballan (basicamente gramatical) e que con cousas mínimas podemos facer grandes actividades.

Ana, gracias por aceptar vir e compartir connosco os teus coñecementos e seguridade.

Nunca perdades a paixón!

Por último, simplemente quero engadir que, trala clase de debate, os compañeiros do grupo 1 fixemos unha cea na que se nos ocorreu un ‘inxenioso’ e colaborativo xogo que pronto compartiremos convosco...


Grazas por todo!

sábado, 4 de febrero de 2017

Sesión Didáctica 01/02/2017, Ana Fontenla e María Luz Valencia




A sesión de hoxe estivo impartida polas dúas profesoras da materia. A primeira parte da sesión estivo connosco Ana, falándonos do método CLIL (sobre o que tamén podedes ler información noutro post deste blog) e a última parte estivo impartida por Luz, onde falamos das titorías e grupos de PMAR.

A sesión comezou cunha actividade de warm-up que me gustou moito, onde os meus compañeiros e máis eu tiñamos que escoller cal das propostas nos gustaba máis e movernos a un lado da clase ou outro. Despois, xunto cos nosos compañeiros do mesmo grupo, tiñamos que debater sobre as razóns por que habíamos preferido esa cousa sobre a outra. Algúns dos temas que saíron foron:


Resultado de imagen de coffee or teao   Coffee or tea?
o   Christmas or birthday?
o   Car or motorbike?
o   Spaguettis or burgers?
o   Summer or winter?
o   Mickey or Donald?
o   E-books or real books?
o   Shower or bath?

Esta actividade é moi sinxela para facer e seguro que lle gusta ao alumnado, ademais de que poden practicar distintas destrezas, coma a oral, e despois combinala coa escrita, mandándolles facer una redacción na que expliquen as razóns para escoller unha ou outra cousa.

A parte de facer un repaso sobre a metodoloxía CLIL, coñecida como AICLE en español, tamén falamos doutros temas moi interesantes, como son as seccións bilingües (fan referencia a CLIL en Galicia) ou os auxiliares de conversa. A clase estivo chea de anécdotas por parte da profesora, Ana, e incluso se me fixo curta, xa que descoñecía algúns termos que tratamos e gustaríame saber máis do funcionamento dos centros en xeral, aínda que imaxino que unha vez comezadas as prácticas e a miña vida laboral, irei aprendendo da experiencia.

Na segunda parte da sesión, que impartiu Luz, fixemos actividades que podemos por en práctica tanto nas titorías, para aproveitar máis o uso do inglés, coma nos grupos de PMAR. PMAR (Programa de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento) é o novo nome que se lle da ao antigo PDC (Programa de Diversificación Curricular) de cando eu estudaba.

Unha actividade que levamos a cabo en clase para traballar con PMAR sería darlles unhas listas, ou que eles mesmos as creasen, na que tivesen que completar todas as letras do alfabeto coma se dun tutti frutti se tratase, cada día con unha temática. Por exemplo, un día crear unha lista con comidas, outro día con obxectos, outro día con adxectivos, etc. Así, cando teñan algo máis de vocabulario podería presentarse usando vocabulario das listas onde coincida a inicial. No noso caso, tivemos unhas respostas moi orixinais... Coñecimos a lovely Luz de London que comía Lychees, a dangerous Dayna que comía Donuts, a mysterious Minia que comía meet ou a jealous Jose.

Esta actividade poderíase complementar cada día coa lista que corresponda do día, por exemplo: “My name is Luz and I wear leggins”. No meu caso o único que se me ocorre é “my name is Yessica and I’m young. My favourite colour is yellow, I like yaks and yogurts and I love yoga.” Si queredes compartir os vosos, espero os vosos comentarios! ;)

Deste punto, falando de PMAR, paréceme fundamental destacar a idea de que temos que facelos conscientes de que son capaces e de que eles poden. Temos que valoralos e felicitalos polos seus logros e transmitirlles que a pesar de que non son bos nos estudios, poden ser bos noutras cousas.

Tamén é importante facer con eles actividades coma show and tell con temáticas sinxelas. Como o seu propio nome indica, o alumnado ten que levar algo físico a clase e presentalo. Cousas sinxelas coma unha foto, algún obxecto da súa habitación ou unha peza de roupa pode servir. Así practican a oralidade, aínda que tamén poderiamos mandarlle facelo por escrito.

En canto as titorías, pareceume clave o consello de Luz de que o fundamental é crear un bo ambiente de clase. Os alumnos teñen que respetarnos do mesmo xeito que nos a eles. Eles teñen que saber que somos os profesores e que van ao instituto a aprender, pero si por encima o pasamos ben é mellor para todos. Encantaríame que fose así cos meus alumnos, que houbese ese bo ‘rollo’ entre o alumnado e máis eu coma o que sentimos nas clases de didáctica.

Unha actividade moi interesante que poderíamos levar a cabo e a de escribir algo sobre dous compañeiros, un que che caia ben e sexa teu amigo e outro sobre un co que non teñas boa relación. O único requisito que se espera por parte do alumnado é que sexan honestos. Así, na seguinte sesión, a profesora lería o que escribiron sobre eses compañeiros sen mencionar quen, para que toda a clase saiba as calidades que teñen os compañeiros/as.

Unha vez máis, unha clase moi interesante e útil! Que pena que sexa a penúltima!

Grazas por ler! 

viernes, 3 de febrero de 2017

Sesión Didáctica 31/01/2017, María Luz Valencia

Hoxe tivemos a terceira sesión coa profesora María Luz Valencia, na que traballamos con estratexias e técnicas a utilizar para a expresión escrita.

A clase foi moi similar as outras en canta a estrutura e contidos, pero esta vez tratamos estratexias para usar co alumnado de cara a enfrontarse a un writing, que tanto lles costa, non sei si por pereza ou pola dificultade que lles supón xa que, moitos non saben expresar o que queren na súa lingua de orixe como para expresalo nunha lingua estranxeira.

Unha das claves que nos deu Luz foi que lles pedísemos que escribisen cousas que son interesantes para eles e a mesma vez para nos ler, e que sempre lle demos máis dun tema para escoller. Por exemplo, unha redacción que me pareceu moi interesante é escribirlle unha carta ao profesor/a contándolle tres cousas: Algo sobre ti (presente), cal é a túa experiencia previa co inglés (pasado) e que plans tes ao terminar a escola (futuro). Esta redacción estaría pensada para cursos superiores, aínda que se podería adaptar a todos os niveis, e poderíase facer a principio de curso para ver si dominan os tres tempos verbais e a finais para ver si mudaron ou non de idea.

Outra idea que nos proporcionou a profesora foi traballar con un writing a partir dunha canción. Un exemplo que nos ensinou foi, cando estaban dando a unidade de Adolescent’s brain’, púxolles o vídeo da canciónDreams’ de The Cranberries e despois mandoulles facer unha redacción sobre a súa interpretación, a importancia dos soños e a simboloxía. 

Unha das actividades que máis me gustou foi a de escribirlle unha oda a un obxecto, unha actividade sacada do libro “The Minimax Teacher” de Jon Taylor, o cal recomendo absolutamente! Durante a actividade, Luz íanos lendo unhas instrucións e nos íamos creando unha oda ao obxecto elixido. Esta foi a miña.

Resultado de imagen de a bottle of waterODE TO A BOTTLE OF WATER
My bottle of water,
big, blue,
on the table…
My bottle of water,
standing
beautiful, silently,
on the table…
big, blue,
quiet, empty…
My bottle of water.

Despois ensinounos a dos seus alumnos: Estaban incribles! A verdade e que un exercicio moi divertido e que pode ter uns resultados moi enxeñosos. Seguro que o porei en práctica!

Entre outros exercicios e páxinas que nos recomendou, gustoume especialmente a de Story Starters, onde podes escoller un tema e, segundo as opcións que che saen, escribir unha historia e facer un debuxo onde se inclúan todos os elementos.

Resultado de imagen de story cubes


Outra actividade similar pódese practicar cos Story Cubes, nove dados con diferentes temáticas segundo o que se queira practicar (accións, viaxes...) e onde hai que crear unha historia con todos os elementos que che saian.






Por último, tamén me encantou a actividade de escribir unha redacción a través dos cinco sentidos, xa que o resultado pode ser moi interesante e á vez resulta entretido para eles. O meu resultado foi:

I see... an island, the beach, fishes, birds, a mojito, beautiful trees, coconuts, clouds...
I hear… the sound of the waves, birds singing, natural sounds…
I smell… the sea, the fruits of the trees, spices…
I touch… the sand burning and wet, my fresh glass…
I feel… the wind in my body, the sun burning, the fresh taste of my mojito…

Resultado de imagen de beach landscape

Para finalizar, tamén estivemos falando da avaliación e gustaríame comentar a boa idea que nos contou Luz sobre os exames de avaliación finais, que se poden substituír/complementar con diferentes probas de reading, listening, writing e speaking ao longo do curso.

Tamén me gustaría resaltar o incribles que me parecen a clases e as profesoras. Vese tanta profesionalidade nelas que son capaces de organizar unha clase de 50 minutos en torno a un obxecto e levala a cabo e, aínda que as coñezo pouco, atreveríame a aventurar que seguro que aínda lles faltaría tempo para facer máis cousas con el. Espero que a experiencia me permita algún día chegar a ter esa soltura e seguridade que tanto Luz e mais Ana amosan nas súas clases.


Grazas por ler! Como sempre, espero as vosas opinións.

martes, 31 de enero de 2017

Actividade grupal para didáctica: Salsa Society. 31/01/2017

Boas a tod@s!!

Hoxe traio un post sobre unha actividade que temos que facer para a materia de Didáctica, na que tiñamos que crear unha actividade duns 15 minutos a partir dunha fotografía.

A actividade tiña que ser grupal, polo que o meu grupo estará composto por Patricia, Alba e María.
Partindo da imaxe escollida, un panfleto sobre unha sociedade de clases de Salsa da Universidade de Kent, pensamos nunha actividade para os primeiros 15 minutos de clase que debería ser un repaso de vocabulario visto na sesión anterior. O curso elexido é 2º de Bacharelato.



Para comezar, pensamos que poderíamos facer un brainstorming tratando o tema dos hobbies. Dese xeito, pediriámoslle ao alumnado comezar usando a destreza oral nunha actividade de warm-up e incluso ice-breaking, xa que ao falar de cousas que lles gusta a eles e que lles gusta facer no seu tempo libre, dáselles a oportunidade de comezar a clase motivados e con interese. Algunhas das posibles respostas que poderían xurdir serían: dancing, running, playing footbal ou playing basketball.

A continuación, introduciriamos o concepto das ‘sociedades’ que son moi comúns nas universidades británicas e americanas, polo que pode ser un tema especialmente atractivo para eles que están a punto de comezar a vida universitaria. Para estimular a súa parte creativa, e partindo do hobbie que mencionaron antes (ou calquera outro que se lles ocorra), pedirémoslles que contestasen as seguintes preguntas: Que sociedade crearían? Inscribiríanse nalgunha?

Para isto terían que usar o condicional, que xa viramos nunha sesión anterior. Por exemplo:

ü  If I had the chance, I would create a ................ society.
ü  If I were there, I would enroll myself in the ........ society.

Despois, ensinariámoslle a imaxe do panfleto coa ‘Salsa Society’ e dividiriamos ao alumnado en 4 grupos para que creen a súa sociedade e nos expliquen que actividades propoñerían, prezo, horario, datas... Deste xeito tamén traballarían a competencia matemática.

Para proporcionarlles apoio, facilitariámoslle vocabulario relacionado, unha writing frame con palabras e estruturas clave para poder desenvolver a actividade. Por exemplo: enroll, join, propose, meet, offer, merge in... Poderían resultar frases coma a seguintes:

ü  If I were the president of the ............... society, I would offer ................
ü  I would propose we meet every Sunday and Monday.


Por último, cada grupo creará un slogan para a súa actividade, tratando de captar a atención dos compañeiros/as, xa que ao final da sesión, todos deberán votar cal é a mellor sociedade/lema a cal se unirían. As trampas non son posibles: Non vale votar cada grupo pola súa!

Aportación persoal:

Penso que as actividades que propuxemos como grupo están moi ben, pero poderíamos complementalas con outras. Por exemplo, ao ensinar a foto, que eles teñas que adiviñar por que elixiu a profesora esta foto? Tal e como facíamos coas fotos de Luz? Será que a profesora estudou en Kent? Será que a profesora pertenceu a unha asociación? Será que a parte de profesora é bailarina de salsa? Un xogo entretido onde teñan que facer preguntas e tratar de descubrir que hai detrás da imaxe.

Por outra parte, a parte de crear a súa sociedade, poderían deseñar uns carteis/murais, tanto se queren en cartulina coma se o queren facer cunha ferramenta online que poríamos a sua disposición, coma Piktochart. Despois, poderían facer unha presentación estilo show and tell, na que presentasen a sua sociedade xunto co mural que fixeron e estos poderían colgarse na aula ou nos corredores.

Sesión Didáctica 25/01/2017, María Luz Valencia

Trala segunda clase coa profesora Luz Valencia, volvo a quedar abraiada ante o sinxelo que é facer unha actividade en clase na que todo o alumnado participe, se divirta e aprenda sen practicamente darse conta.

Como primeira reflexión, gustaríame destacar a magnifica idea das caixas máxicas e misteriosas que traen tanto Luz coma Ana a clase. Esas caixas están cheas de materiais incribles que tanto podemos utilizar para facer unha actividade de warm up inicial, para os últimos cinco minutos da sesión ou para utilizar a maior parte dela. Estas caixas están cargadas de fichas de emparellar, imaxes, listas de xogos e preguntas e ‘chumineishons’, nome que le puxeron os alumnos a obxectos variados da vida cotiá.  A reflexión que fago con isto é que calquera cousa, un papel en branco por exemplo, por insignificante que sexa, pode incluírse nunha actividade e servir para practicar unha ou máis destrezas, sen ter que seguir o libro de texto ao pé da letra.


Durante a clase tamén fixemos numerosos xogos e actividades moi interesantes, pero encantoume o crucigrama que nos pasaron cos nosos nomes e os datos que habíamos entregado o primeiro día de clase. Penso que esta actividade é perfectamente practicable en todos os cursos e que aos adolescentes lles encantará, xa que son os auténticos protagonistas da actividade.

Outra actividade que me encantou foi a das fotos. Primeiro, a profesora púxonos unha foto dela para que fixésemos preguntas e tratásemos de adiviñar quen eran as outras persoas que estaban na fotografía con ela. Esta actividade é especialmente interesante xa que unha das protagonistas da foto, Luz, era coñecida polo alumnado, e isto esperta especial interese neles por saber quen son os demais. Por outra banda, tamén é importante xa que practican a oralidade que, desafortunadamente, está infravalorada no noso síntema educativo.

A segunda actividade, relacionada con esta, tiña como protagonista a Cinderella nunha foto da fotógrafa Dina Goldstein. A clase, dividida en catro grupos de catro, tiña que buscar unha explicación ao que se vía na imaxe: Cinderella nun bar, tomando unha copa, soa, sen príncipe. Ao rematar, cada membro do grupo se intercambiaba con outro e comparaban as respostas. Como explicaba na actividade anterior, este é un exemplo de práctica oral na que o alumno aprende de maneira entretida, xa que teñen que buscar un final alternativo ao conto e usar estruturas e vocabulario.
E agora pregúntovos a vos, queridos lectores, que opinades?



Para rematar, gustaríame recomendar a web de Jamie Keddie, Lessons Stream, que nos recomendou Luz. Estivemos votándolle unha ollada en clase e pódense sacar cousas moi interesantes dela.

Espero que voa gustase o post. Espero os vosos comentarios!

martes, 24 de enero de 2017

Actividade para didáctica: O tres en raia!

Para continuar co tema das competencias, a profesora María Luz Valencia propúxonos deseñar unha actividade para por en practica cos alumnos na que tivésemos que traballar, polo menos, tres competencias. Esta é a miña proposta... O tres en raia!

Resultado de imagen de tres en raya

Para a realización do xogo, o ideal sería que os grupos fosen reducidos, xa que hai que dividir a aula en dous equipos. Se houbese 20 alumnos na clase, corresponderían 10 alumnos a cada equipo, polo que igual serían demasiados. No caso de seren moitos, dividirémolos en tres equipos e reformularíamos as regras do xogo.

A actividade levaríase a cabo da seguinte maneira:

1.       A regra fundamental é falar en inglés. No caso de que o equipo fale en español, perden automaticamente o turno. (Competencia lingüística)

2.       Cada equipo terá que elixir un nome de equipo e unha marca para o xogo. . Por exemplo:
Team 1.- Blue squirrels à X
Team 2.- Pink lions à O
(Competencia social e cívica)

3.       O taboleiro de xogo terá tres opcións á escoller: Gramática, vocabulario e sorpresa. Sería da seguinte maneira:



GRAMMAR


VOCABULARY


SURPRISE


SURPRISE


¿?



GRAMMAR


VOCABULARY


GRAMMAR


SURPRISE















4.       Na parte de gramática, terán que responder ben a preguntas ou actividades gramaticais para levar o punto. As preguntas adecuaranse ao nivel do grupo, pero poderían ser cuestións do estilo:
- Corrixe o erro na/s seguinte/s oración/s.
- Como é o pasado/participio dos seguintes verbos.
- Escribe unha frase usando o adxectivo comparativo e superlativo dalgún dos seguintes verbos.

5.       Na parte de vocabulario, terán que resolver probas relacionadas con vocabulario:
- Escribe o nome (animais, profesións, partes da casa, alimentos...) debaixo das imaxes.
- Relaciona o nome ca imaxe.
- Escríbeme 5-10 animais mamíferos/ froitas e verduras de cor verde... que recordes.

6.       No apartado de ‘sorpresa’, sempre terán que enfrontarse a un reto e completar a proba con actividades similares as expostas na sesión. As cuestións variarán para que practiquen distintas competencias. Algúns exemplos poderían ser os seguintes:
- Un membro do grupo terá 1 minuto para representar o que o profesor lle diga: Unha película, un obxecto, un animal... Poderá describilo e facer sons dependendo da dificultade, sempre sen mencionar o nome. O grupo terá que adiviñar que é nese tempo, senón haberá rebote cara o equipo contrario. (Competencia lingüística, competencia social e cívica, competencia do espírito emprendedor- propiamente, non é unha competencia, pero falamos en clase sobre ela e consideramos que si debería selo. Con esta actividade, estamos fomentando que o alumnos desenvolva a súa creatividade).
- O grupo terá que ordenar cronoloxicamente eventos que ocorresen na historia inglesa/americana. (Competencia lingüística, competencia social e cívica, competencia matemática, conciencia e expresión cultural).
- O equipo terá que proporlle unha operación matemática (suma, resta, multiplicación ou división, segundo o nivel) a un membro do equipo contrario, de maneira correcta. Este deberá resolvela nun minuto. Se o consigue, o punto é para o contrario, se non o consegue, o punto é para o equipo que propuxo a operación. (Competencia lingüística, competencia social e cívica, competencia matemática).
- A profesora pasará unha lista con vocabulario que aparece ou non no vídeo que vai proxectar. O equipo terá que anotar os que saian, póndose todos de cordo. Se acertan, gañan unha marca. O vídeo poderá ser de temática variada: ciencias e tecnoloxía, cultural, etc. (Competencia lingüística, competencia social e cívica, competencia dixital, dependendo da temática podería ser de ciencias e tecnolóxica ou cívica e social).

7.       No apartado central, onde aparecen os interrogantes, serán os propios alumnos os que teñan que propor un reto ao equipo contrario. Si o equipo contrario o resolve, gañarían o punto. No caso contrario, gañaríao o equipo que o escolleu.

8.       Finalmente, gañaría o xogo o equipo que conseguise facer antes o tres en raia.

Por último, esta actividade tamén favorece a competencia de aprender a aprender xa que os alumnos levarán a cabo estratexias que compartirán co equipo e ao mesmo tempo, estarán aprendendo cousas novas dunha maneira divertida.

Resultado de imagen de competencias imagen

Esta actividade xa a puxen en práctica mentres traballaba nunha academia onde impartía clases de inglés a grupos dende primaria ata bacharelato. O xogo sempre lle encantou a todos os alumnos independentemente do nivel, e recordo o caso dunha nena de 5º de Primaria que nunca lembraba como se dicía medusa en inglés, ‘jellyfish’. Cando lle tocou a ela, púxenllo nunha proba, e a partir de aí nunca máis se lle esqueceu como se dicía. 

Sesión Didáctica 12/01/2017, María Luz Valencia

Tras a terceira sesión de didáctica, esta vez cunha profesora a que non coñecíamos... Non teño palabras!

A clase non foi para nada o que me esperaba, senón que máis ben foi todo o contrario. Por iso, esta entrada do blog será un tanto especial, coma a clase con María Luz Valencia, unha profesora dun instituto de Vigo que nos achegou unha visión máis real e cercana da experiencia que tanto os meus compañeiros mais eu viviremos o próximo mes: ser profes de adolescentes.

A verdade e que a clase pasou voando, e iso que foron 4 horas de sesión, pero sentín que estaba aprendendo tantas cousas útiles dende o primeiro momento que, en realidade, quedeime cas ganas de seguir aprendendo máis, e agora entenderedes por que.

Dende o primeiro momento, a profesora utilizou técnicas con nos para darnos ideas que utilizar cos nosos futuros alumnos/as. Cousas tan sinxelas e nas que non había pensado previamente coma completar un formulario co nome, apelidos e unha curiosidade, mentres ela ía pasando lista e preparando a primeira actividade. Este foi o primeiro consello que nos deu: Temos que aproveitar cada situación para tomala o noso favor. Hai que mandalos facer algo para mantelos ocupados, coma por a data no encerado ou nas súas libretas, mentres pasamos lista e preparamos o que imos facer. Cousas coma estas non se me habían ocorrido, xa que eu normalmente dou clases particulares individuais e, cando eran colectivas, os alumnos viñan a facer deberes e consultar dúbidas, polo que o ritmo da clase é distinto.

Acto seguido, fixemos a actividade que nos estaba preparando, unha actividade ideal para captar a atención dos estudantes. Como non coñecíamos a profesora, esta escribiunos tres frases no encerado sobre ela, dúas verdadeiras e unha falsa, e nos tíñamos que facerlle preguntas (en inglés) para intentar adiviñar cal era a falsa. Só dúas persoas conseguiron acertar!

Este tipo de actividades de warm-up ou para ‘romper o xeo’ están moi ben, xa que ademais de ser un xogo para o alumnado e captar a súa atención e participación dende o primeiro momento, é unha boa maneira para saber si saben ou non formular preguntas na lingua estranxeira e ver o nivel da aula. Por outra banda, en actividades deste tipo, o profesor pasa a estar nun segundo plano e son os alumnos os protagonistas da actividade.

A continuación, continuamos facendo un repaso polas competencias do currículo. Unha maneira de introducir teoría que apenas se notou, xa que participamos activamente e a profesora, máis que explicarnos que era cada competencia, nos puña exemplos con xogos, vídeos e exercicios que poderíamos aplicar para traballar cada competencia. Encantoume esta idea! Ir combinando a teoría ca práctica para que non se faga densa. Ademais da mellor maneira que se aprende é practicando e a través de exemplos, polo que non se notou apenas a parte teórica da sesión.
Tamén nos deu consellos importantes, coma ter un plan B, por si as novas tecnoloxías fallan, e non estruturar as nosas sesións en torno a elas.

Por último, no último bloque da sesión, estivemos falando sobre o ‘copia-pega’ que fan os estudantes do Google Translator e inclusive páxinas web. Neste bloque puidemos ver erros moi divertidos que, persoalmente, me gustaría ensinarlles aos meus futuros alumnos para que vexan que é moito máis útil utilizar estruturas sinxelas que dominen e buscar termos que descoñezan en dicionarios.

Como conclusión teño que dicir que, para min, que chegue o momento no que teña que empezar as prácticas no centro é un momento agridoce que ata me saca o sono de noite. Por un lado está a miña paixón pola docencia: encántame axudar, ensinar, o trato cos adolescentes... e que mellor que na ensinanza de linguas estranxeiras, que levo escoitado falar dende a miña infancia, xa que nacín e vivín en Zürich, Suiza, rodeada de amigos de distintos países e culturas. Non pode ser mellor! O problema: a experiencia! Eu teño experiencia dando clases particulares tanto individuais coma colectivas, pero a idea de enfrontarme a un grupo de vinte ou trinta rapaces e rapazas, adolescentes (con todo o que iso implica) e intentar motivalos e que captar a súa atención... preocúpame e moito! Pero sinto que gracias a esta sesión podo ir un pouco máis tranquila, que teño técnicas e armas para motivalos e que se sintan interesados polo que lles vou ensinar. No fondo, non deixan de ser adolescentes, con seus medos e inseguridades, como ata hai uns anos fomos nos.

Será difícil e necesitarei moito traballo pola miña parte para manter esa motivación constante por parte do alumnado, pero si no máster houbera máis sesións coma esta, as nosas inseguridades baixarían considerablemente, xa que te inspiran e te deixan con ganas de querer saber máis, e incluso teríamos ganas de que empezasen as prácticas (como é o meu caso agora mesmo) só para levar a cabo todas as actividades que fixemos. Que pasará na seguinte sesión? Estou desexando sabelo!

Moitas grazas por ler! Espero os vosos comentarios!