martes, 24 de enero de 2017

Sesión Didáctica 12/01/2017, María Luz Valencia

Tras a terceira sesión de didáctica, esta vez cunha profesora a que non coñecíamos... Non teño palabras!

A clase non foi para nada o que me esperaba, senón que máis ben foi todo o contrario. Por iso, esta entrada do blog será un tanto especial, coma a clase con María Luz Valencia, unha profesora dun instituto de Vigo que nos achegou unha visión máis real e cercana da experiencia que tanto os meus compañeiros mais eu viviremos o próximo mes: ser profes de adolescentes.

A verdade e que a clase pasou voando, e iso que foron 4 horas de sesión, pero sentín que estaba aprendendo tantas cousas útiles dende o primeiro momento que, en realidade, quedeime cas ganas de seguir aprendendo máis, e agora entenderedes por que.

Dende o primeiro momento, a profesora utilizou técnicas con nos para darnos ideas que utilizar cos nosos futuros alumnos/as. Cousas tan sinxelas e nas que non había pensado previamente coma completar un formulario co nome, apelidos e unha curiosidade, mentres ela ía pasando lista e preparando a primeira actividade. Este foi o primeiro consello que nos deu: Temos que aproveitar cada situación para tomala o noso favor. Hai que mandalos facer algo para mantelos ocupados, coma por a data no encerado ou nas súas libretas, mentres pasamos lista e preparamos o que imos facer. Cousas coma estas non se me habían ocorrido, xa que eu normalmente dou clases particulares individuais e, cando eran colectivas, os alumnos viñan a facer deberes e consultar dúbidas, polo que o ritmo da clase é distinto.

Acto seguido, fixemos a actividade que nos estaba preparando, unha actividade ideal para captar a atención dos estudantes. Como non coñecíamos a profesora, esta escribiunos tres frases no encerado sobre ela, dúas verdadeiras e unha falsa, e nos tíñamos que facerlle preguntas (en inglés) para intentar adiviñar cal era a falsa. Só dúas persoas conseguiron acertar!

Este tipo de actividades de warm-up ou para ‘romper o xeo’ están moi ben, xa que ademais de ser un xogo para o alumnado e captar a súa atención e participación dende o primeiro momento, é unha boa maneira para saber si saben ou non formular preguntas na lingua estranxeira e ver o nivel da aula. Por outra banda, en actividades deste tipo, o profesor pasa a estar nun segundo plano e son os alumnos os protagonistas da actividade.

A continuación, continuamos facendo un repaso polas competencias do currículo. Unha maneira de introducir teoría que apenas se notou, xa que participamos activamente e a profesora, máis que explicarnos que era cada competencia, nos puña exemplos con xogos, vídeos e exercicios que poderíamos aplicar para traballar cada competencia. Encantoume esta idea! Ir combinando a teoría ca práctica para que non se faga densa. Ademais da mellor maneira que se aprende é practicando e a través de exemplos, polo que non se notou apenas a parte teórica da sesión.
Tamén nos deu consellos importantes, coma ter un plan B, por si as novas tecnoloxías fallan, e non estruturar as nosas sesións en torno a elas.

Por último, no último bloque da sesión, estivemos falando sobre o ‘copia-pega’ que fan os estudantes do Google Translator e inclusive páxinas web. Neste bloque puidemos ver erros moi divertidos que, persoalmente, me gustaría ensinarlles aos meus futuros alumnos para que vexan que é moito máis útil utilizar estruturas sinxelas que dominen e buscar termos que descoñezan en dicionarios.

Como conclusión teño que dicir que, para min, que chegue o momento no que teña que empezar as prácticas no centro é un momento agridoce que ata me saca o sono de noite. Por un lado está a miña paixón pola docencia: encántame axudar, ensinar, o trato cos adolescentes... e que mellor que na ensinanza de linguas estranxeiras, que levo escoitado falar dende a miña infancia, xa que nacín e vivín en Zürich, Suiza, rodeada de amigos de distintos países e culturas. Non pode ser mellor! O problema: a experiencia! Eu teño experiencia dando clases particulares tanto individuais coma colectivas, pero a idea de enfrontarme a un grupo de vinte ou trinta rapaces e rapazas, adolescentes (con todo o que iso implica) e intentar motivalos e que captar a súa atención... preocúpame e moito! Pero sinto que gracias a esta sesión podo ir un pouco máis tranquila, que teño técnicas e armas para motivalos e que se sintan interesados polo que lles vou ensinar. No fondo, non deixan de ser adolescentes, con seus medos e inseguridades, como ata hai uns anos fomos nos.

Será difícil e necesitarei moito traballo pola miña parte para manter esa motivación constante por parte do alumnado, pero si no máster houbera máis sesións coma esta, as nosas inseguridades baixarían considerablemente, xa que te inspiran e te deixan con ganas de querer saber máis, e incluso teríamos ganas de que empezasen as prácticas (como é o meu caso agora mesmo) só para levar a cabo todas as actividades que fixemos. Que pasará na seguinte sesión? Estou desexando sabelo!

Moitas grazas por ler! Espero os vosos comentarios!

2 comentarios:

  1. Moita gracias polo teu entusiasmo, o primeiro ingrediente para que as prácticas vaian ben! O noso é un traballo moi vocacional e tí parece que a tes de sobra.

    ResponderEliminar
  2. En realidade as gracias temos que dárvolas a vos, tanto a ti coma a Ana, por todo o que nos ensinades e transmitides, xa que, polo que estiven falando cos meus compañeir@s, gustaríanos haber tido profesoras coma vos, que se nota que lles encanta o que fan e o transmiten ao alumnado. Como comentamos en clase, para ser profesor non só hai que 'saber', ter moitos coñecementos, senón que hai que saber transmitilos. Grazas a vos.

    ResponderEliminar