Terceira sesión co profesor Carlos Valcárcel, onde estivemos tratando un tipo
de aprendizaxe que está moi de moda nos centros do noso arredor: A AprendizaxeBaseada en Tarefas (ABT) ou enfoque por tarefas. Este tipo de aprendizaxe está
sendo moi demandado sobre todo para a ensinanza de idiomas, xa que, como ben
define Rod Ellis, implica o uso da linguaxe en situacións reais onde se pode
usar e practicar calquera das catro destrezas fundamentais.
Sendo así, podemos apreciar que é moi útil na ensinanza de idiomas, pero tal
e como nos contaba a profesora Ana Fontenla na súa sesión, hai tal ‘boom’ no
seu instituto que a aprendizaxe por tarefas está a ser aplicada a todas ou case
todas as materias. Incluso máis, contounos unha anécdota dun rapaz que fixo as
prácticas con ela e estaba a traballar de auxiliar de conversa en Alemaña. No
centro no que traballa, aplicábanlle a todas as materias a metodoloxía da
aprendizaxe por tarefas ca temática de ‘Xogo de Tronos’. Pero a miña pregunta
é, como se ensina matemáticas por tarefas?
Penso que o éxito deste tipo de aprendizaxe radica no tipo de actividades,
xa que o ser actividades reais que poden levar a cabo na súa vida diaria e nas
que eles se sintan protagonistas, poden
resultarlle máis interesantes que unha actividade na que non se vexan envoltos
directamente. Ademais, é fundamental a destreza da oralidade, que pouco se
practica normalmente nas aulas e que nesta metodoloxía é primordial, xa que o
alumno se ten que desenvolver coma se fose un cidadá. O fin é conseguir que
practiquen as catro destrezas fundamentais na tarefa final da que varía o prazo
segundo o tipo de tarefa que sexa.
Un exemplo de aprendizaxe por tarefas común é organizar unha viaxe. Así os
alumnos deberán preparar en distintas sesións distintas cousas que son
necesarias para a realización da viaxe: Decidir destino, comprar os billetes,
informarse da situación do país, moeda, etc.
Outro aspecto fundamental, a parte da intención e o proceso, é a finalidade.
Toda tarefa ten que ter unha finalidade e un resultado no que o aprendente use
a oralidade e a escritura e sobre o que o estudante reflexione: Traballei ben?
Incluín todo o necesario? Quédame algo por aprender?
Relacionado ca ABT, saíu un concepto que me pareceu moi interesante: ‘Aprendizaxe
periférica’, que é o tipo de aprendizaxe na que o alumno aprende vendo como fan
os demais alumnos da comunidade de aprendizaxe: Aulas, blogs, etc. É un termo
que descoñecía e que me resultou moi interesante.
Ao longo da sesión, tamén tivemos que crear unha tarefa que resultase
atractiva para que realizasen os alumnos. O meu grupo, composto por Dayna,
Patricia, Alba, Itziar, María e máis eu, propuxo que a tarefa consistise na
elaboración dunha receita dun biscoito para alumnos de 2º ESO cun nivel A2. A
finalidade sería intercambiar a receita con alumnos ingleses que conseguisen
levar a cabo o postre (do cal nos mandarían unha fotografía) e nos mandasen
outra receita para realizar nos.
Dese xeito, traballarían con vocabulario e estruturas, vistas previamente
en clase, onde terían que usar vocabulario relacionado con alimentos e obxectos
da cociña, o imperativo e unidades de medida. Ademais, levarían a cabo os
procesos cognitivos de comparar, buscar, planificar, deseñar e revisar ben a
receita, para demostrar que o homónimo estranxeiro conseguiu entender as
explicacións. En canto as competencias, pensamos que usaría gran parte delas,
coma a lingüística, matemática, cívica-social, cultural e dixital.
A segunda actividade consistiu en analizar secuencias de situacións reais,
para a que tamén traballamos por grupos. Ao noso grupo tocoulle unha actividade
que estaba redactada e que era un tanto confusa e complicada para os alumnos,
debido ao pouco tempo que tiñan para a realización das actividades.
Por último, concluímos a clase tratando a Resposta Física Total, coñecida
en inglés como Total Physical Response (TPR). Este enfoque, do que xa falaramos
na materia de ‘As Linguas estranxeiras no Contexto Español e Internacional, considera
que a memoria se activa co movemento dos alumnos, polo que estes están movéndose
e facendo xestos continuamente. Un xogo moi característico é o ‘Simon says’ ou ‘Simón
dice...’. O enfoque tamén é coñecido como método Asher e tivo unha grande
acollida nos EEUU na década dos 70.
Como reflexión final, gustoume o enfoque da aprendizaxe por tarefas, xa que
considero que é unha boa ferramenta de traballo con adolescentes polos motivos
que expuxen ao longo do post e tamén me serviu para diferenciar entre tarefa e
proxecto, aos que soia confundir. Aínda así, penso que moitos profesores non o
utilizan debido á grande carga de traballo e supervisión que supón para eles.
Ademais, dada a alta competitividade dos adolescentes, penso que a idea da
tarefa final é un aliciente imprescindible para eles, xa que non só se esforzarán
por aprobar, senón que tamén competirán por facelo mellor que os compañeiros,
polo que engadimos un plus en motivación.
Por outra banda, con respecto a TPR, non o vexo moi útil con adolescentes, senón
máis ben todo o contrario. Penso que é unha maneira de traballo a que podería
recurrir de vez en cando para practicar certos aspectos de vocabulario, pero
non como enfoque único.
No hay comentarios:
Publicar un comentario