lunes, 23 de enero de 2017

Sesión Didáctica 11/01/2017, Carlos Valcárcel

Segunda e interesante sesión co profesor Carlos Valcárcel sobre os tipos de didáctica segundo as distintas linguas e as metodoloxías. Queredes saber cal é a diferenza?? Continuade lendo!
Esta segunda sesión veu cargada de termos e siglas moi interesantes que procederemos a repasar a continuación, pero antes de falar deles, gustaríame empezar cunha aclaración moi importante da que falamos en clase.
Moitas veces, o alumnado tende a confundir didáctica (parte da pedagoxía que estuda técnicas e métodos de ensinanza) con metodoloxía (conxunto de métodos que se usan para acadar os obxectivos da materia). É moi importante recalcar que para cada didáctica se poden atopar distintas metodoloxías, como pasaremos a ver a continuación.

Tipos de didáctica segundo a lingua (en inglés, francés e alemán):

1.       Didáctica da lingua inicial
EMT: English Mother Tongue.
FLM: Français Langue Matternelle.
DaM: Deutsch als Muttersprache.

2.       Didáctica da lingua segunda
ESL: English as a Second Language.
FLS: Français Langue Seconde.
DaZ: Deutsch als Zweitsprache.

3.       Didáctica da lingua estranxeira
EFL: English as a Foreign Language.
FLE: Français Langue Étrangère.
DaF: Deutsch als Fremdsprache.

Metodoloxías:

1.       AICLE (Adquisición Integrada de Contido e Linguas Estranxeiras) ou, en inglés, CLIL (Content and Language Integrated Learning): Metodoloxía que consiste en impartir calquer materia que non sexa de lingua (plástica, educación física, coñecemento do medio...) nunha lingua estranxeira. Non debe confundirse ca metodoloxía EMI (English as a Medium of Instruction), da que falamos noutro post neste blog.
É importante aclarar, tal e como mencionamos en clase, que non é o mesmo ser profesor de inglés que ser profesor en inglés. Isto quere dicir que, aínda que sexamos docentes de inglés, non temos por que estar capacitados para dar outra materia nesa lingua. O ideal é que nos coordinemos co profesor desa materia para axudarnos.

2.       Aprendizaxe precoz das linguas estranxeiras: Metodoloxía pola que se ensina a lingua estranxeira a cativos en educación infantil e primaria. Recibe este nome xa que, como sabemos, no resto de países europeos non se imparten linguas estranxeiras antes dos 11 anos.
YLE: English for Young Learners.

3.       Linguas estranxeiras para fins específicos: Soe impartirse nos Centros de Linguas ou en Formacións Profesionais xa que se ensina terminoloxía e vocabulario específico.
ESP: English for Specific Purposes.

4.       Linguas estranxeiras para seniors: Tal e como indica o seu nome, esta metodoloxía usase no ensino de linguas estranxeiras a maiores de 55 anos. Cada vez son máis os seniors que se lazan a aprender unha lingua estranxeira, xa que é unha das actividades que máis se recomendan para traballar a memoria.

Despois de ver estes conceptos, pasamos a facer un exercicio práctico onde tiñamos que elixir que tipo de didáctica aplicaríamos en cada unha das seguintes situacións:
-          EOI
-          Asociación de Mulleres Viúvas
-          Ciclo Superior de Axente de Viaxes
-          Materia de Ciencias de 4º ESO
-          Aula de 1º primaria
-          UNED
-          País africano de lingua oficial inglesa
-          Escola Británica en Madrid do Ministerio de Asuntos Exteriores dese país.

Este último exemplo foi o que nos tocou a miña compañeira Patri e a min. Neste contexto, o tipo de didáctica que teríamos que aplicar é a didáctica da lingua inicial, xa que estaríamos ensinando inglés a uns nenos que son británicos a pesar de que a escola estea ubicada en Madrid.

A pesar de habelos visto en clase, atrevédesvos a resolver os demais exemplos? Espero as vosas respostas!!

Como resultado do exercicio, podemos extraer que hai distintos tipos de didácticas segundo sexa a situación, polo que os docentes nos temos que implicar de maneira constante e diaria na procura de materiais e contidos útiles para o noso alumnado.

A continuación, seguimos a sesión expoñendo un novo tema: ‘Os factores na situación do ensino das linguas estranxeiras’. Para isto, comezamos facendo unha actividade piramidal coma a da outra sesión na que, a partir de grupos de tres, tíñamos que decidir cales eran eses factores.

A proposta do meu equipo non foi moi distinta a que acordamos finalmente en conxunto, deixando ver que os factores máis importantes son:

1.       As características do alumnado (idade, nivel, NNEE*, lingua inicial, etc.)
2.       Características do centro (si é publico ou privado, relixioso ou non, o equipamento e materiais dos que dispoñemos, etc.)
3.       Obxectivos do alumnado.

*Gustaríame recalcar unha aclaración que nos fixo o profesor en clase, xa que é un erro que cometo cando  falo. Normalmente suelo dicir alumnado con dificultades especiais, pero é máis correcto dicir alumnado con necesidades especiais (NNEE), xa que deste xeito incluímos a todo o estudantado: alumnos/as con algún tipo de discapacidade, con altas/baixas capacidades, nenos que teñen a lingua estranxeira como lingua ambiental, etc.

No último bloque de clase, estivemos falando das fases e etapas da aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Este é un tema fundamental coma futuros docentes, xa que non é o mesmo ser profesores de nenos que de adolescentes. Deste tema xa falaramos na materia de psicoloxía, onde analizamos os cambios que sofren os adolescentes tanto a nivel físico coma intelectual, social e de personalidade.


Resultado de imagen de etapas aprendizaje

As conclusións as que chegamos foron, por unha banda, que os rapaces aprenden mellor ata os 7-8 anos, xa que aprenden léxico e morfoloxía e son capaces de discriminar sons. A partir desa idade, comeza un período crítico, onde o cerebro sofre unha transformación e vanse perdendo unhas capacidades pero gánanse outras, coma a capacidade analítica. A partir desa idade a lingua inicial é o filtro polo que pasa toda a aprendizaxe da lingua estranxeira. Canto maior é o alumnado, mais gramática necesita para aprender.

Por último, fixemos unha actividade na que tiñamos que escribir unha frase incorrecta en lingua estranxeira, e o noso compañeiro/a tiña que corrixila. De ahí tamén extrouxemos conclusións moi interesantes, coma que non podes facer tachóns encima do erro senon que é mellor subliñar o que está mal ou que o vermello non é a mellor cor para correxir, senon que podemos facer un código de cores co alumnado para usar unha ou outra cor segundo sexa o erro.

Penso que estas clases están sendo moi útiles, xa que, unha vez máis, sinto que estou aprendendo moitas cousas que me axudarán a ser unha boa profesora.


Gracias por ler. Invítovos a deixar os vosos comentarios e opinións!

Sesión Didáctica 09/01/2017, Carlos Valcárcel

Arranca a última etapa do mestrado! Ano novo, materia nova!

Comeza a materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, a última do Mestrado en Formación de Profesorado da especialidade de linguas estranxeiras. O docente do primeiro día é Carlos Valcárcel, que comezou facéndonos unha presentación a materia, os contidos e os profesores que a impartirán. As primeiras impresións foron, e penso que falo pola maioría dos meus compañeiros e compañeiras, moi boas!

O finalizar a presentación, continuamos facendo unha actividade moi práctica que podemos aplicar nas nosas futuras prácticas, adaptando os contidos, para practicar as Wh-Questions con preguntas sobre a materia.

O xogo consistía en formular seis cuestións sobre a didáctica por grupos, de xeito que quedasen tres grupos en clase para poder pasarnos a pregunta a modo de ‘patata caliente’. Se o equipo contestaba ben, gañaba un punto, pero si respondía mal, a pregunta rebotaba no seguinte grupo.
Este tipo de actividades están moi ben, xa que son entretidas e interesantes para os alumnos e, ao mesmo tempo, aprenden. Para levalas a cabo da maneira o máis organizada posible, o profesor deunos algunhas claves:

1.       É mellor que os equipos os faga o docente, por dous motivos moi útiles que explicou.
1.1. Pérdese menos tempo ca se organizan eles os grupos.
1.2. Permite que se roten e non elixan sempre os mesmos compañeiros/as para traballar con eles.
2.       Hai que exemplificar as actividades. Isto é moi importante para que entendan ben que hai que facer e como hai que facelo.
3.       Traballar a creatividade. Unha idea que nos amosou o profesor foi que, se levamos a cabo a actividade durante as prácticas, os alumnos/as poñan un nome de equipo con vocabulario traballado. Deste xeito repasan o vocabulario que viron e aplícano de novo.

O noso equipo, o número tres, preparou as seguintes cuestións (inicialmente):
o   Quen/Quenes son os precursores da didáctica?
o   Por que é tan importante a didáctica?
o   Onde foron os inicios da didáctica?
o   Que contidos imos ver?
o   Cales son os obxectivos principais da materia?
o   Como é a avaliación?
o   Cando hai que actualizar o portfolio?

Como remarquei antes, estas eran as preguntas iniciais que redactamos xa que, ante a dificultade que supuñan, decidimos ir cambiando sobre a marcha! Aínda así, non tivemos a sorte de ser o equipo gañador, senón que foi o equipo número un ao que lle propoño un reto... Saberiades/Apeteceríavos contestalas agora? En xeral, a pregunta non é para o grupo un exclusivamente, senón que é para calquera compañeir@ que queira contestala, pero referíame a eles xa que nos quedou a espiña de que non soubemos contestar a súa pregunta.

Para rematar con este exercicio, gustaríame recalcar que é moi útil para as nosas sesións xa que, ademais de ser entretido, sérvenos para saber se o noso futuro alumnado sabe formular preguntas de maneira correcta ou simplemente repasar as Wh-Questions.

Despois deste xogo introdutorio, comezou a parte teórica da materia, que para a miña sorpresa, foi bastante levadeira. Nela puidemos coñecer vocabulario como:

o   Lingua inicial ou materna. É a primeira lingua que adquire un meniño, normalmente antes da etapa escolar e de maneira inconsciente. Tamén se lle chama L1.
o   Segunda lingua. É a lingua adquirida despois da inicial. Pódese adquirir unha ou máis. Tamén é coñecida como L2.
o   Lingua estranxeira. É a que se adquire na escola e de maneira consciente.
o   Lingua habitual. É a que utiliza un falante no seu día a día. Esta pode coincidir ou non coa lingua inicial.

Tras aclarar os conceptos, fixemos unha actividade na que tiñamos que explicar as diferenzas e similitudes entre a lingua inicial e a lingua estranxeira a través do Diagrama de Venn. O resultado foi o seguinte:


A continuación, fixemos fincapé na diferencia das dúas seguintes:

o   Lingua de traballo. É a que se impón nunha empresa para traballar. Pode coincidir ou non coa lingua oficial do país, tal e como vimos en exemplos na clase: No Zara de Arabia Saudí, probablemente se fale en inglés.
o   Lingua vehicular. É a que se negocia para momentos puntuais nos que se hay que comunicar con falantes doutra lingua: Vamos de Erasmus a un país estranxeiro. Sería a lingua que acordamos falar co resto de estudantes que, coma nos, veñen de distintos países. Tamén é coñecida coma lingua franca.

Esta exposición de conceptos deunos pé ao debate sobre o termo ‘lingua materna’ ou ‘lingua nai’, que o profesor nos explicou que se denomina así xa que, normalmente, era a nai a que criaba e educaba aos fillos, polo que era ela a que lles ensinaba a falar. Tamén comentamos que de ahí xorde a expresión ‘mamou a lingua’.

Este debate, tamén nos deu pé a facer unha actividade chamada ‘placemat’, na que tiñamos que intercambiar ideas sobre o tema que se nos propuña. O noso enunciado dicía: “Un grupo de Erasmus de 5 países europeos distintos sae de festa. En que lingua se decide o local?”. Tras moito debatilo, non sei si conseguimos chegar a un acordo, xa que tiñamos puntos totalmente opostos: Patricia dicía que en español, xa que viñeron a aprendelo e teñen que practicalo, mentres que Nerea dicía que en inglés, xa que é a lingua máis cómoda e fácil para todos. Eu, segundo a miña experiencia, mantívenme nun punto neutro, tirando quizais cara o inglés, xa que normalmente é a lingua que falaba cos meus compañeiros nesa situación, pero tamén é porque era a que ía a aprender e era o máis práctico para todos.

Por último, concluímos a sesión cunha actividade piramidal, na que por grupos, que ían aumentando ata concordar toda a clase, tiñamos que decidir cales eran as nosas linguas iniciais, segundas e estranxeiras, e tiñamos que ir eliminando as que non fosen comúns a todos. Como esperabamos, o resultado foron o galego, o español e o inglés.

Como reflexión persoal, teño que confesar que, trala volta das vacacións do Nadal, non estaba moi segura de como sería esta nova etapa. En liñas xerais o mestrado paréceme moi interesante e sinto que hai materias nas que aprendo moitísimas cousas interesantes e útiles de cara o meu futuro como docente, pero en moitas delas tamén sentín unha gran frustración dado que aprendemos moitos exemplos de situacións reais que viviremos, pero sentín que faltaban exemplos reais de como afrontar estas situacións.

Pola contra, esta materia non é para nada como a esperaba. Pensaba que sería ‘máis do mesmo’: conceptos, definicións, teoría... Sen embargo levei unha grata sorpresa, tanto polos contidos coma polos docentes. Por fin sinto, que a parte de aprender moitas cousas interesantes sobre o universo da docencia, o máis importante é que estou aprendendo cousas útiles aplicables ás inminentes e temibles prácticas, que xa están a volta da esquina!


Grazas por ler. Espero os vosos comentarios!   

sábado, 7 de enero de 2017

Tema 8.- As Linguas Estranxeiras como fenómeno global.

Ola de novo!
O tema oito foi un dos meus favoritos, xa que aprendemos as principais metodoloxías de ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras, vendo as vantaxes e inconvenientes de cada una delas para aproveitalas para o noso futuro como docentes.
Nesta entrada faremos un breve repaso por cada un destes métodos:
1.    Gramática e Tradución (Método Prusiano): Naceu na Alemaña do século XIX e estivo en Europa ata o ano 1940. O seu principio metodolóxico é que a lingua escrita é mais ‘pura’ que a falada, polo que a oralidade non ten cabida no método. Tamén é coñecido como ‘método tradicional’, xa que é o que se usaba para a aprendizaxe de linguas clásicas coma o grego ou o latín. Nel úsanse de igual maneira a lingua orixe coma a lingua meta, xa que se basea principalmente en traducir e escribir textos en ambas linguas. A gramática apréndese a base de memorización de regras gramaticais e o vocabulario mediante listas bilingües.

2.    Directo e natural (Método Gouin): Naceu en Boston e supuxo unha revolución en comparación co método anterior. Este considera que o ensino da lingua estranxeira sexa o máis parecido posible á adquisición da lingua materna, polo que as clases se presentan nun contexto natural. O profesor ten unha interacción continua cos alumnos e a oralidade está enormemente presente apoiada pola mímica, debuxos e obxectos.
3.    Oral e situacional: comezou no Reino Unido no ano 1920, grazas a H.Palmer e A.S. Hornby, e estivo vxente tres décadas. Poderíamos decir que é unha continuación do método natural, xa que a aprendizaxe comeza ca oralidade. Nas clases que seguen este método, créanse distintas situacións para introducir vocabulario e construcións gramaticais novas dentro dun contexto e só se pasa a parte escrita cando a oralidade está dominada.
4.   Por tarefas: Método co que se pretende que o alumnado faga unha serie de proxectos ou tarefas co fin de chegar a un obxectivo final. O profesor é un guía que controla a clase para que o desenvolvemento da mesma sexa o adecuado, pero os verdadeiros protagonistas son os alumnos e alumnas. Deste xeito, a aprendizaxe e gradual e o alumno ten que comunicarse na lingua meta.
5.    Audiolingüe (Método Fries): Método que aparece a raíz do interese pola ensinanza de linguas estranxeiras nos EEUU. Establece as súas bases na experiencia dos programas do exercito para a ensinanza de idiomas e no enfoque oral ou estrutural creado por Fries. Neste método, as actividades que se realizan soen ser exercicios de memorización baseados en drills. Ademais, o profesor preséntalle un dialogo aos alumnos para que escoiten e despois traten de memorizalos e repetilo. Como podemos apreciar, o profesor ten un papel activo mentres que o alumno é pasivo e responde ante os estímulos do profesor.
6.  Comunicativo: método creado no Reino Unido na década de 1970, coma alternativa aos métodos gramaticais para darlle un enfoque máis real a prendizaxe de idiomas. Para isto, establecía unha serie de contextos previos na que os alumnos se tiñan que desenvolver. O que principalmente se fomenta é a liberdade de expresión por parte do alumnado.
7.    Resposta física total (Método Asher): Método que tivo unha grande acollida nos EEUU na decada dos 70. Considera que a memoria se activa co movemento so alumno, polo que unha ferramenta moi empregada e o xogo ‘Simon says’.
8.    Método do Silencio (Método Gattegno): é un dos métodos máis característicos xa que consiste en fomentar o uso da lingua por parte dos alumnos, que son os que teñen que producir a maior cantidade de enunciados posible sen que o docente fale. Este só se pode comunicar con eles a través de obxectos (normalmente regretas) ou movementos de mans indicando que facer ou dicir.
9.    Suxestopedia (Método Lozanov): O principal obxectivo deste método é a linguaxe cotiá e a eliminación de barreiras psicolóxicas para que non haxa impedimentos na aprendizaxe. Para isto, crease un entorno agradable e cómodo, con plantas e música de fondo, por exemplo, e fanse traducións e dramatizacións. No caso dos erros, o profesor non pode corrixilos no momento, xa que suporía unha barreira psicoloxica para a prendizaxe e romperia a harmonía do ambiente.
Para concluír, gustaríame engadir que, como futura docente, non opino que haxa un método mellor, senón que creo que deberíamos coller o mellor de cada un e adaptalo as nosas necesidades.

Tema 7.- O Ensino-Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras en países da nosa contorna – A situación de España nos países da nosa contorna.

Boas lectores e lectoras,
Hoxe comentaremos o tema sete da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional, onde nos proporcionaron información sobre as institucións internacionais dedicadas a recompilación de datos sobre a ensinanza-aprendizaxe de linguas estranxeiras a nivel mundial, coma Eurydice, Eurostat ou o Informe Pisa. Despois, falamos dos sistemas educativos de países coma Finlandia, Xapón, Dinamarca ou Canadá, que están nos postos máis altos dos estudios, en comparación co español que sempre obtén pésimos resultados.
En canto a recollida de datos, destacamos as seguintes institucións:
Eurydice: unha rede que se encarga de analizar e ofrecer información sobre os sistemas e políticas educativas europeas. Está composta por 37 unidades nacionais con base nos 33 países participantes no programa de Aprendizaxe Permanente da Unión Europea. Eurydice está coordinada pola Axencia Executiva, que é a encargada de elaborar unha versión preliminar das publicacións e bases de datos, e ten a sede en Bruselas.
Informes Eurostat: organismo que se encarga de elaborar estudios estatísticos oficiais.
Eurobarómetro: enquisa aos cidadáns da Unión Europea sobre asuntos de interese xeral.
Informe PISA (Programme for International Student Assessment): programa a cargo da OCDE que consiste na realización de probas estandarizadas a estudantes de 15 anos para valorar o seu rendemento. Estes exames lévanse a cabo cada tres anos e céntranse na comprensión lectora, matemáticas e ciencias. Trala popularidade destas probas, cada ano vanse incrementando máis países, chegando a ter 72 en total no ano 2015.


Como comentamos en clase, unha das cousas que máis me sorprendeu dos estudos foi o feito de que España tivera unha posición tan baixa a pesar de que, xunto con Bélxica, somos o único país que introduce a ensinanza de linguas estranxeiras en Educación Infantil. Polo xeral, o resto de países comezan ca ensinanza do idioma estranxeiro aos 12 anos.
Analizando estes datos, tanto en España coma en Bélxica deberíamos ter un nivel bastante superior ao resto, tendo en conta que comezamos a estudalo bastantes anos antes ademais do mito de que os cativos aprenden mellor os idiomas xa que o seu cerebro é coma unha esponxa; crenza que queda totalmente refutada.
O que si queda demostrado é que o importante non é a cantidade de input, senón a calidade do mesmo.
Tamén me pareceu moi curiosa a diferenciación por comunidades en canto os resultados en España, onde puidemos que ver que no norte levamos ata dous cursos de vantaxe con respecto as comunidades máis ao sur.
Para contribuír cun alo de esperanza para o sistema educativo nacional, gustaríame mencionar un par de países con sistemas educativos totalmente opostos e cun éxito tremendo nas enquisas.
Por unha banda atopamos a Finlandia, un dos casos máis sorprendentes, xa que nos anos oitenta obtiña pésimos resultados pero ‘milagrosamente’ goza dos postos máis elevados na actualidade.
O milagre débese en parte grazas a que nos anos 90 cambiou o seu plan de inversión de fondos, polo que os fondos que invertía en defensa pasaron a ir para a educación. Esa inversión vese reflexada nos resultados académicos. O sistema educativo ofrécelles todas as facilidades ao alumnado, ensinanza gratuíta e de calidade, cuns docentes altamente cualificados e ben valorados.
Pola outra banda, atopamos o sistema educativo nipón. Xapón caracterízase por unha esixencia que cualificaría incluso de inhumana para os estudantes, onde o fracaso non está permitido e o traballo duro e esforzo son premiados. Esta idea de alta competitividade e esforzo non só se transmite na escola, senón que tamén se pon en práctica na vida cotiá, onde as persoas buscan a constante aprobación na vida laboral e profesional.
A modo de anécdota, pareceume moi curioso o feito de que o alumnado só teña dez días de vacacións tres veces ao ano e que os dediquen a facer deberes e traballos.
Gustaríame concluír agradecendo que se incluíse este tema, tanto na materia coma no Mestrado, xa que me parece un tema fundamental como futura docente.
Paréceme moi triste que non se faga nada por parte do Goberno para cambiar unha situación que leva anos estancada cos mesmos resultados, xa que eles son os que teñen que dar o primeiro paso para cambie a situación de España nos estudios, mellorando a calidade da educación.
No meu caso, que tiven a sorte de poder estudiar en dous países con sistemas educativos distintos (Suíza e España), síntome frustrada como estudante, vendo que aquí se repiten anos tras anos os mesmos patróns de aprendizaxe de idiomas e se abandonan destrezas fundamentais, como é a oralidade, mentres que alí é totalmente o contrario.
Deberíamos tomar exemplo dos sistemas educativos dos países veciños e facer unha comparación, para mellorar os nosos puntos fortes e implementar as melloras dos países que ano tras ano acadan as mellores posicións.

Tema 6.- Metodoloxía CLIL/AICLE

Boas lectores e lectoras,
Nesta entrada do blog falarei sobre o exposto en clase correspondente ao sexto tema da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional, onde nos centramos na metodoloxía CLIL ou AICLE.
O Método CLIL (Content and Language Integrated Learning), coñecido en español coma AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos en Lingua Estranxeira) é unha metodoloxía que xorde en Europa no ano 1994 e que consiste en impartir materias doutra área distinta a lingua nunha lingua estranxeira en vez da lingua oficial que lle correspondería.
Esta metodoloxía, que ten como principio fundamental o uso da lingua estranxeira tanto para aprender os contidos da área que lle corresponde coma para mellorar o uso da mesma e conseguir fluidez na lingua estranxeira, foi gañando seguidores moi rapidamente e implantouse en moitos centros a nivel nacional e internacional.
Para levalo a cabo, os docentes dos centros onde se ía empregar o método, tiñan que ter un bo nivel da lingua estranxeira que se ía empregar, polo que tiveron que facer cursos para estar dobremente preparados e, a parte de transmitir contidos correctamente nunha lingua estranxeira, os alumnos tiñan que comprendelos na lingua para saber comunicalos despois.
Resultado de imagen de clil
Despois, tamén estivemos vendo e comentando as cinco dimensións de Marsh, que son as seguintes:
1.    Cultura: constitue coñecemento e comprensión interculturais, así coma desenvolve habilidades comunicativas, ampliar contextos culturais e coñecer países e rexións.
2.   Contorno: prepara para a especificación e integración na Union Europea, axuda a acceder a certificación nacional e mellora o perfil do centro.
3.  Lingua: mellora a competencia global na lingua adicional e afonda no desenvolvemento da consistencia da lingua materna e a lingua adicional que introduce e desenvolve intereses plurilingües.
4.  Contido: fornece oportunidades de estudar contido dende perspectivas diferentes, acceso á terminoloxía propia da materia na lingua adicional e prepara para estudos posteriores ou o mundo laboral.
5.    Aprendizaxe: complementa estratexias de aprendizaxe individuais, diversifica métodos e formas na práctica de aula e aumenta a motivación do alumnado.
Seguindo ca metodoloxía CLIL, tamén comentamos os catro elementos de Coyle, que son:
1.    Contido: a progresión no coñecemento, as destrezas e a comprensión na formación global en relación cos elementos específicos dun currículo determinado.
2.     Comunicación: uso da lingua para aprender mentras que se aprende a lingua.
3.   Cognición: desenvolvemento de destrezas de pensamento que se relaciona coa formación de conceptos, a comprensión e a linguaxe.
4.   Cultura: exposición a perspectivas distintas para a mellora da comprensión dun mesmo e dos que nos rodean.
A verdade é que foi unha clase moi interesante onde puidemos aprender moitas cousas sobre esta metodoloxía que moitos centros teñen en práctica dende hai uns anos e que eu, como defensora do plurilingüísimo apoio (aínda que con matices), pero non me gustaría rematar sen facer unha aclaración, que nos fixo unha compañeira coñecedora do método e que me parece moi interesante.
Paréceme fundamental facer unha diferenciación entre a metodoloxía CLIL e o que moita xente coñece coma CLIL pero en realidade é EMI (English as Medium of Instruction). Como o seu propio nome indica, neste método o inglés é usado coma medio de instrución, pero non é avaliado, coma ocorre co CLIL.

Espero que vos gustase e aprendésedes algo novo! Graciñas.

Tema 5.- As Programacións Didácticas Vixentes na ESO e Bacharelato

Boas amigos,
Hoxe falareivos da nosa sesión correspondente ó quinto tema da materia que seguimos.


Para isto, comezaremos explicando que é unha programación didáctica e que elementos a compoñen, ademais dos distintos tipos de programacións didácticas existen.
Unha programación didáctica é a organización e elaboración de unidades didácticas, que son o instrumento de planificación curricular necesario para desenvolver o proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado de maneira coordinada entre o profesorado compoñente do departamento.
As programacións didácticas, que están deseñadas polos departamentos de cada materia, serven para planificar, desenvolver e avaliar cada área da mesma, coa finalidade de facilitar o proceso de aprendizaxe ao alumnado, atendendo as súas necesidades e ritmos de comprensión.


A resolución do 5 de xullo de 2016, ca que tivemos a oportunidade de traballar en clase, é a que dita as instrucións para a implantación no curso académico 2016/17 do currículo establecido do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
Todas as programacións didácticas están compostas por elementos. Nesta entrada, seguindo o que vimos en clase, centrarémonos na estrutura das programacións LOMCE na Educación Secundaria Obrigatoria e no Bacharelato, que está composta dos seguintes elementos:

1.    Introdución e contextualización.
2.    Contribución ao desenvolvemento das competencias clave.
3.    Concreción dos obxectivos para o curso.
4.    Concreción para cada estándar da aprendizaxe de
4.1.        Temporalización
4.2.        Grao mínimo de consecución para superar a materia.
4.3.        Procedementos e instrumentos de avaliación.
5.    Concrecións metodolóxicas.
6.    Materiais e recursos didácticos que se vaian utilizar.
7.    Criterios sobre a avaliación, a cualificación e a promoción do alumnado.
8.    Indicadores de logro para avaliar o proceso de ensino e a práctica docente.
9.    Organización das actividades de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes.
10.  Organización dos procedementos que lle permitan ao alumnado acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias, no caso do bacharelato.
11.  Deseño da avaliación inicial e medidas individuais ou colectivas que se poidan adoptar como consecuencia dos seus resultados.
12.  Medidas de atención a diversidade.
13.  Concreción dos elementos transversais que se traballarán no curso que corresponda.
14.  Actividades complementarias e extra-escolares programadas por cada departamento didáctico.
15.  Mecanismos de revisión, da avaliación e de modificación das programacións didácticas en relación cos resultados académicos e procesos de mellora.

Ademais das programacións didácticas da ESO e Bhacharelato, tamén tivemos a oportunidade de coñecer e comentar outras, como son as vixentes nos cursos de Formación Profesional e as da Escola Oficial de Idiomas (EOI).

Para afondar máis no tema, tamén tivemos exposicións de compañeiros e compañeiras que nos amosaron as programacións didácticas de centros, amosando os erros e inclusive calcos que atopamos nelas. Con isto, gustaríame rematar engadindo que estou completamente de acordo coa importancia das programacións didácticas, pero tamén considero que se pode ser máis flexible en certos aspectos que poden ir xurdindo ao longo do curso, xa que non todos os grupos de alumnos son iguais.

viernes, 6 de enero de 2017

Tema 4.- O Deseño Curricular

Ola de novo!
O cuarto tema da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional ten que ver co deseño curricular, que é un tema fundamental para calquera persoa que se queira dedicar a docencia.
Este tema, que tanto no meu caso coma no dalgún dos meus compañeiros, era o gran descoñecido, xa que non sabíamos cousas tan importantes coma que era un currículo ou o deseño curricular, ou como facer unidades didácticas, serviunos de repaso da materia que leva o mesmo nome e que viramos previamente no módulo común.
Gustaríame comezar expoñendo que me gustou a organización das clases, xa que, pouco a pouco, cando o profesor nos realizaba preguntas ou nos indicaba temas sobre os que traballar, todos os alumnos íamos chegando o coñecemento de conceptos e contidos ao mesmo tempo, ben fora a través de ideas soltas ou porque tíñamos pequenos traballos de investigación que facer e que, a medida que íamos resolvendo, íamos intercambiando opinións cos demais compañeiros.
Os puntos principais deste tema foi o currículo, que é un elemento fundamental para o ensino de calquera materia. O currículo é a regulación dos elementos que determinan os procesos de ensinanza e aprendizaxe en cada unha das ensinanzas. Este componse de seis elementos fundamentais, como son:
1.- Os obxectivos de cada ensinanza: Apartado onde se expoñen os obxectivos que se espera por parte do alumnado para superar a etapa ou curso.
2.- As competencias: As competencias son un punto a resaltar xa que teñen un gran peso no currículo. Hai sete competencias fundamentais, pero o seu peso varía segundo a materia.


3.- Os contidos: Neste apartado recolleranse os contidos que se impartirán durante o curso e sobre os que traballará o alumnado.
4.- Os estándares de aprendizaxe: Refírense aos parámetros da aprendizaxe que se van avaliar.
5.- Os criterios de avaliación: Refírese aos criterios que se van ter en conta á hora de avaliar a un alumno para ver se acadou os obxectivos para pasar a materia.
6.- Metodoloxía didáctica: Os pasos que vai seguir o docente para expoñer os contidos nas clases.
Dentro do currículo, é importante mencionar que hai distintos graos de concreción curricular, que son os distintos niveis/organismos que determinan a composición do currículo. Estes son:
O Estado, que determina os contidos comúns, fixa os horarios lectivos determina os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación, entre outros.
O Ministerio, que determina os criterios de avaliación final en relación aos contidos e deseña as probas de avaliación final xunto cos contidos de cada convocatoria.
O Goberno Autonómico, que complementa os contidos, fixa os horarios lectivos máximos e complementa os criterios de avaliación.
Os Centros Educativos, que complementan os contidos, deseñan e implantan os métodos pedagóxicos e didácticos e determinan a carga horaria.
Outro punto interesante que vimos foi o estudo das linguas estranxeiras nas distintas etapas, ESO e Bacharelato segundo a LOMCE, da cal falamos en clase.
Na etapa da ESO, a LOMCE fixa que os obxectivos xerais da materia sexan comprender e saber expresarse nunha ou máis linguas estranxeiras de maneira apropiada. A metodoloxía debe ser activa e participativa, favorecendo o traballo individual e o colectivo e fomentando o desenvolvemento de todas as competencias.
No caso do Bacharelato, o alumnado debe conseguir expresarse con fluidez e correctamente en unha ou máis linguas estranxeiras. Ademais de empregar unha metodoloxía que favoreza o pensamento autónomo e o uso das TIC e a investigación, de forma individual ou colectiva.

En canto a Formación profesional, vimos que, dada a ampla oferta e variedade ca que conta, o estudo das linguas estranxeiras varía segundo o ciclo formativo. Nalgúns ten un papel fundamental, mentres que noutros cursos aprender un idioma estranxeiro non parece ter moita importancia.